O cocido, manxar de deuses.

Procedente da arte de mesturar esencias, producto da constante alquimia consuetudinaria, chegou ata os nosos días o pracer gastronómico deste prato tan noso: O Cocido. Este deleite que leva ao comensal preto da éxtase dos sentidos, parece ter algo de sobrenatural que o achega a categoría reducida de manxar de deuses.

Esta dimensión mística do cocido vai máis alá do mantel e aparece xa na matanza do porco; é este o punto de partida, pois o espíritu deste nobre animal vaise esvaíndo no aire ata chamar a ese olimpo celestial para obter alí os parabens precisos que leven a bon fin a salga, o proceso de fabricación dos chourizos e a curación dos lacóns, que son as “vedettes” deste prato. No purgatorio das lareiras e das artesas é mester orar polo perdón das fallas que na súa vida terrea ousaron cometer estes mamíferos paquidérmicos; o lume sagrado e o sal máxico han de ser imprescindibles no seu velorio.

Tampouco remata nese punto a intervención divina, pois será necesario invocar a providencia para que medie no proceso de cocción de cada ingrediente ata o seu punto exacto. E así, rematadas as operacións descritas, e xa na mesa coa compaña dun viño do Ribeiro ou da Ribeira Sacra, terémolo alí, presentado en fontes, envolto nunha luz etérea, fumegando, cada ingrediente no seu papel dentro desta representación panexírica da morte do porco. Entón podemos prender o castelo de fogos artificiais do padal e ir facendo desfilar perante os nosos cubertos os greliños, os cachelos, as cachuchas, os lacóns de bermello fermoso, os chourizos, as orellas, os garbanzos, ¡e qué sei eu!.

Coido que o Cocido é ante todo un conglomerado de elementos que combinados na orde precisa, adquiren un sentido máxico e armónico. Acaso a canle aglutinadora e condición indispensable sexa a Terra; o Cocido mergulla as súas raíces na Galicia do interior, e máis concretamente, aínda que sen carácter exclusivo, alcanza o máximo apoxeo nas terras do Deza. É cada vez máis certo que o Cocido aparece vencellado ao nome da vila de Lalín, que ano a ano rende culto a este feito culinario na famosa e concurrida Feira do Cocido. Pero isto non é casualidade,  dado que é nos doces vales da Galicia interior, con chuvias atlánticas e invernos un pouco ásperos, onde xurden con maior facilidade os ingredientes e se da unha mellor curación da carne do porco, dificultosa a carón do mar.

De San Amaro a San Valentín, mes do cocido en Lalín. Quedades convidados.

Anuncios
Entrada anterior
Deja un comentario

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: