Fragas de Catasós.

carballeira quiroga

Limiar.

As fragas de Catasós constitúen un dos tesouros que a natureza nos ofrece no Concello de Lalín. Trátase dunha serie de extensións de terreo poboadas principalmente de especies caducifóleas que conforman un ecosistema propio e singular.

Estas masas arbóreas vanse sucedendo unha tras outra orientadas dende o nordés cara o suroeste, pero poden entenderse como unha unidade. Así dende o outeiro do Coto van aparecendo fragas nos lugares de Portocelo, A Pereira, Penelas, Quiroga, As Zancas, Cardiego, Casas Vellas, e Cerredo.

Grazas ao seu aproveitamento tradicional, estas árbores chegaron ata os nosos días ofrecéndonos castañas, madeira, leña, cogumelos, follas secas no outono e sombra no verán. Polo tanto temos a obriga de conservalas e transmitilas ás xeracións vindeiras.

No ano 1954 visitou a fraga de Quiroga o fitopatólogo norteamericano Filippo Gravatt que quedou abraiado polos exemplares maxestuosos que alí atopou e propuxo a FAO a súa protección. Hoxe, esta fraga está declarada Monumento Natural dende o ano 2000, conservando aínda os que poden ser os castiñeiros máis altos de Europa.

Pero unha seria ameaza pende sobre este ecosistema. Un monstruoso proxecto de liña de alta tensión xa aprobado, quere levar por diante centos de árbores autóctonas na fraga de Casas Vellas. Se non fora pola mobilización dos veciños e de diversos colectivos, esta fraga estaría agora totalmente destruída. Así, ante a brutal insensibilidade da empresa eléctrica e dos gobernantes locais e autonómicos, constituíuse a Plataforma para a defensa da fraga de Casas Vellas que segue a promover mobilizacións e accións que impidan o que é un crime ecolóxico.

A día de hoxe as árbores seguen en pé grazas á resposta da cidadanía. Está en trámite unha iniciativa presentada no Concello de Lalín e no Parlamento de Galicia para declarar este lugar como espazo natural de interese local (ENIL), o que podería impedir a súa destrución.

A andaina que se describe a continuación, pretende amosar os valores naturais e paisaxísticos das fragas de Catasós, e asemade, o rico patrimonio histórico e arqueolóxico que hai ao seu arredor, todo elo para reclamar a súa protección integral.

Lalín, decembro do ano 2014.

MAPA DA ANDAINA

mapa fragas de catasós

DATOS TÉCNICOS:
– Distancia total: 15,6 quilómetros.
– Duración estimada: 4 horas.
– Dificultade: baixa
– Altitude mínima 530 metros.
– Altitude máxima 640 metros.
– Percorrido circular e ciclable.
PÓDESE DESCARGAR O ARQUIVO PARA GPS DENDE O SEGUINTE ENLACE:
http://www.wikiloc.com/wikiloc/view.do?id=8517382

FRAGAS DE CATASÓS

20130929_114835

Catasós é unha das parroquias máis extensas do concello de Lalín. Nun documento do ano 1368 aparece nomeada como “couto de Casasoes”, e posiblemente estivo baixo o dominio do mosteiro de Carboeiro a partir do ano 1292. Nesta andaina pasaremos por varios dos seus lugares, a fraga de Casas Vellas, o souto de Cardiego, o castro e a igrexa de Catasós, a fraga de Quiroga, o Pazo de Don Freán e veremos muíños, cruceiros e outras mostras de arquitectura popular.

igrexa Lalín

Partimos de Lalín, xunto da placa que sinala o quilómetro cero de Galicia. Á nosa esquerda queda a praza da igrexa. Subimos pola rúa Xoaquín Loriga, a avenida de Bos Aires ata a rotonda de Fenosa. Imos pola N-525 en sentido Ourense e desviámonos á dereita pola pista que leva a Moneixas.

20141022_123026

De seguido botámonos aos camiños. As primeiras sendas lévannos ao lugar de Regoufe. Deixamos á esquerda o lavadoiro e imos polas casas desta aldea desviándonos entre elas á esquerda. Pasamos por entre granxas cara un pequeno río. Cruzamos unha pontella e adentrámonos xa na fermosa fraga de Casas Vellas.

20141022_112624

A andaina segue polo corazón desta fraga ameazada pola liña de alta tensión. Imos logo á esquerda cara o souto de Cardiego. Pasamos unha pequena lameira que atopamos no camiño e que no verán está case seca.

DSC01355-1

O camiño, vira á dereita, e segue en ascenso baixo as árbores ata chegar ao lugar de Antuín. Continuaremos á dereita, e de seguido por unha pista asfaltada ata o lugar de Barrio onde hai unha fonte. Aproveitando que un pouco máis arriba está o castro de Catasós é tamén interesante visitalo. Aínda se percibe ben o que podía ser a muralla e o foxo que defendían o recinto castrexo. O roteiro arrodea o castro e continúa ata chegar á igrexa parroquial de Catasós. Foi reconstruída no ano 1792, ten un retablo barroco e está adicada ao apóstol Santiago, que preside a súa fachada principal.

DSC01356-1
Baixamos cara o lugar da Cabreira. Pasamos xunto a Taberna do cazador. Atravesaremos a estrada nacional 525. Continuamos por un camiño que nos leva cara o monte. O chegar a unha encrucillada tomamos un ramal a esquerda e baixaremos ao centro da carballeira de Quiroga, declarada monumento natural.

DSC01605-1

Seguimos a ruta vendo muíños e atravesando o rego de Quintela. Pasamos por Belelle. Hai unha pequena capela. Continuamos logo cara a Celemín. Pasamos por entre as súas casas de aldea. Dende alí seguimos ata o lugar de Don Freán onde está un fermoso Pazo.

pazo donfreán
Continúa a ruta polo lugar de Outeiro. Pouco a pouco nos imos achegando a Lalín de arriba. Vemos un cruceiro e a igrexa de San Martiño. Finalmente baixamos pola rúa Monte Faro ata chegar ao punto de partida, o quilómetro 0.

SAMSUNG

A FRAGA DE CASAS VELLAS.

20141022_113129

Hai sobrados motivos para que esta fraga sexa declarada, cando menos, espazo natural de interese local (ENIL). Ademáis da súa beleza paisaxística e de contar con árbores centenarias, esta fraga é representativa do traballo feito polos nosos antergos seleccionando a variedade de castiñeiro mellor adaptada ao clima e as circunstancias desta comarca.

Na fraga de Casas Vellas houbo un viveiro de selección de variedades de castaña a finais do século XIX. O seu propietario foi plantando e seleccionando a mellor castaña, a de mellores cualidades e adaptación ao clima do Deza, e resistente ao chancro e a tinta. Trouxéronse árbores doutros lugares, pero non se afixeron tan ben e son máis afectadas polas pragas.

Negral, oural, abadá, pelada, temperá, patacuda, rañuda, son algúns dos nomes das variedades de castaña. Estes nomes seguramente variarán noutros lugares e comarcas. A Xunta de Galicia cita outras denominacións: amarelante, blanca, de parede, de presa, famosa, garrida, inxerta, longal, loura, luguesa, negral, picona, puga de afora, raigona, rapada e ventura. Todo iso é proba da variedade de especies existentes.

Un monstruoso proxecto de liña eléctrica de alta tensión (LAT), xa aprobado, que a multinacional Gas Natural Fenosa pretende construír, arrasará este espazo único que compón a fraga de Casas Vellas. A insensibilidade desta empresa, coa connivencia e aprobación das autoridades locais e autonómicas que emitiron informes favorables para a construción desta liña, é clamorosa. A sen razón é moi evidente, pois un trazado alternativo que se propón evitaría a destrución desta fraga.

A día de hoxe mantense a ameaza sobre este enclave, pois polo de agora só se falou dunha paralización temporal na construción desta instalación eléctrica.

CATASÓS, IGREXA E CASTRO

santiago v amp

Catasós é unha parroquia das mais extensas do Concello de Lalín. Comprende os seguintes lugares: Antuín, Barrio, Belelle, Cabreira, Casas Vellas, Catasós, Celemín, Cerredo, Covás, Donfreán, Puxallos, Quintela e Torguedo.

A igrexa parroquial foi reconstruída no século XVIII, no ano 1792, ten un retablo barroco e está adicada ao apóstol Santiago, que preside a súa fachada principal.

Pero aínda quedan as pegadas dos que puideron ser os habitantes primixenios deste lugar, pois preto da igrexa parroquial está o castro de Catasós. Os castros eran lugares amurallados onde se asentaba a poboación antes da chegada dos romanos no século I. Aínda se percibe ben o que podía ser a muralla e o foxo que defendían o castro. A cultura castrexa foi desaparecendo, sendo asimilada pola organización traída polos romanos, e a poboación pasou a vivir en aldeas.

Co tempo, arredor dos castros foron aparecendo lendas que falaban dos seus moradores, os “mouros”, e dos seus supostos tesouros, sendo os castros lugares que se consideraban encantados. As lendas asociadas ao castro de Catasós seguen a formar parte da tradición oral dos veciños.

Así escoitei deles unha historia que falaba dun home que deixou ceibos aos porcos. Os animais foron cara o castro e non voltaban. Cando os foi buscar, viu unha vella que lles estaba a dar de comer. O home, desconfiado, pensou que a muller queríalle levar os porcos e ofendeuse. Pero a “moura” dixo que só quería darlle de comer aos animais. En proba da súa boa vontade a vella fíxolle un regalo botando uns carbóns negros no seu sombreiro. O home, estrañado, voltou para a súa casa levando os animais, e aínda enfadado tirou os carbóns polo camiño. Xa na casa sacou o sombreiro e viu dentro del unha pedra de ouro. Correu buscar os carbóns que tirara polo camiño, pero xa desapareceran.

A FRAGA DE QUIROGA

IMG_1485

A fraga de Quiroga, tamén chamada carballeira de Quiroga ou fraga de Catasós, trátase dun bosque caducifolio mixto, principalmente conformado por castiñeiros e carballos, que ocupa case 5 hectáreas preto do lugar de Quintela, na parroquia de Catasós, dentro do Concello de Lalín.

Debido á súa singularidade e ao seu valor botánico e paisaxístico, a mediados do século pasado a FAO, Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación, reclamara a protección desta fraga. No ano 1998 foi adquirida pola Xunta de Galicia. Na actualidade ten a declaración de Monumento Natural dende o ano 2000, e algúns dos seus exemplares forman parte do catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia.

Prantados a comezo do século XIX polos antepasados da familia Quiroga, estes castiñeiros, máis que polo seu froito, eran apreciados pola súa madeira. As longas trabes que facían falla na construción dos pazos necesitaban árbores esveltas. Así só se lles podaban as pólas, pero nunca se descabezaban, polo que algún destes exemplares acada os trinta metros de altura. Están considerados estes exemplares como os mellores e máis altos de Europa.

Esta fraga era unha das moitas propiedades dos donos do pazo de Quiroga. Tratábase dunha familia de labregos que foi progresando, xeración tras xeración, adquirindo propiedades e gañando influencia social. O segundo dos fillos dos Quiroga casou con dona Emilia Pardo Bazán no ano 1868, condesa e escritora, autora, entre outras, da novela Los Pazos de Ulloa, dicíndose que algún dos seus capítulos foi escrito no pazo de Quiroga.

O PAZO DE DONFREÁN

pazo donfreán

O pazo de Donfreán é o resultado de tres etapas construtivas. Houbo unha edificación primixenia. Despois, no século XVI, houbo unha reedificación aproveitando os materiais da construción anterior. E posteriormente, no primeiro tercio do século XVIII, engadiuse outra casa de nova creación, rematando a construción do conxunto no ano 1741. Destaca esta última fase que incorporou elementos suntuarios e decorativos de carácter barroco.

O edificio ten forma de U. No seu patio interior conta cunha preciosa escaleira de pedra con elementos barrocos. Orientada ao sur está a solaina con tres arcos. Tamén son destacables os escudos dos Oxea e de Montenegro que eran as familias que señorearon este lugar. Este pazo é propiedade privada e non é visitable.

O pazo de Donfreán tivo xurisdición civil e criminal, e gozaba de dereito de asilo ou refuxio. Así, aínda queda a pedra negra ou ferreña onde poñían a man os que solicitaban asilo.

Pazo deriva da expresión latina “palatium”. Un pazo é unha casa noble de carácter suntuario. Para entender o que é un pazo hai que partir das formas de propiedade e utilización da terra que había na idade media e, principalmente, a partir do século XVI. A igrexa e os grandes mosteiros eran donos de extensísimas posesións, de terras case despoboadas. Para a explotación destas terras, confiábase nuns fidalgos intermediarios a través da figura xurídica dos foros (separación da propiedade e do dominio útil que se cede a cambio dunha renda). Estes intermediarios subforaban as terras aos labradores, pero cargándoo cunha renda moi superior a cargo destes, polo que acumulaban rapidamente unha auténtica fortuna. Para a súa residencia no lugar en que señoreaban construían un pazo.

IGREXA DE SAN MARTIÑO

SAMSUNG

Esta igrexa pertence ao románico rural. Ten unha nave e unha ábsida rectangular, ventás en saeteira, canzorros e a entrada principal con arquivoltas sobre dous pares de columnas. No exterior, debaixo da ventá, hai unha inscrición en caracteres góticos que dí: era de 1485.

A igrexa actual está no lugar que ocupou o antigo mosteiro de San Martiño, fundado polo bispo de Mondoñedo Arias Pelaez a finais do século X e que debeu desaparecer a comezos do século XIV. A vila de Lalín nacería con posterioridade ao mosteiro para dar servizo a este. O mosteiro sería dúplice, tería estancias para homes e mulleres separadas por unha igrexa prerrománica, distinta da actual.

Antes do mosteiro, a mediados do século X, habería únicamente unha casa cunhas dependencias onde vivirían os servos e colonos dos Condes de Deza, que terían como misión repoboar e poñer a producir as terras da contorna. O nome de Lalín procede de “Lalinus”, que era un deses servos dos Condes.

Preto da igrexa de San Martiño hai un cruceiro datado en 1679. Por este lugar entran a Lalín os peregrinos que van cara a Santiago polo chamado Camiño de Inverno, unha ruta alternativa pensada para que os peregrinos soportasen mellor o rigor invernal, desviándose do Camiño Francés pola Ribeira Sacra, para despois continuar dende Lalín a Santiago pola Vía da Prata.

SAMSUNG

Bibliografía:

– “Lalín. La tierra de Deza”. Armando Vázquez Crespo. Editorial Everest S.A.

– “Pazos y moradas hidalgas de Deza”. César Gómez Buxán e Francisco Rubiá Alejos. Editado pola Excma. Diputación Provincial de Pontevedra.

– “Guía dos castros de Lalín”. Carmen Buxán. Editorial o trillón A.C. O Naranxo.

– “Os Castros de Lalín”. Antonio Presas García. Editado polo Seminario de Estudos de Deza.

– “Guia do Deza”. Luis Couto Lorenzo. Editorial Galaxia, S.A.

– “Manifesto para a defensa da fraga de Casas Vellas”. Martiño Nercellas Méndez.
https://www.youtube.com/watch?v=QuqPqUd-TEE&feature=youtu.be

– Xunta de Galicia. Turgalicia.
http://www.turgalicia.es/ficha-recurso?cod_rec=16827&ctre=5

– Faro de Vigo. El monasterio de Lalín de arriba. Antonio Vidal Neira. http://www.farodevigo.es/portada-deza-tabeiros-montes/2014/01/19/monasterio-lalin/950595.html

Anuncios
Entrada anterior
Entrada siguiente
Deja un comentario

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: