40 km

De Lalín a Prado, de Prado a Vila de Cruces e de Vila de Cruces a Lalín.

40 quilómetros de dificultade media.

Itinerario:

Saímos de Lalín, do quilómetro 0 de Galicia. Pasamos polas rúas Colón, Matemático Rodríguez, rúa da Ponte e Corredoira. Imos en dirección Santiago. Despois de pedalear dous ou tres quilómetros, pasamos polo polígono industrial Lalín 2000. Facemos as rotondas da autopista e seguimos circulando cara a Santiago.

Subimos por Bendoiro e chegamos a Prado. Xa temos oito quilómetros feitos. En Prado desviámonos a dereita pola estrada que leva a Vila de Cruces deixando a nacional 525. O pedaleo por esta zona é levadeiro sempre que se vaia con calma. Zonas de chan e pequenos repeitos lévannos por Noceda e preto de Anzo. Pasamos por diante dun curioso muíño no medio dun prado sempre verde.

A estrada vai en subida ata un forte repeito onde está a chamada finca de Noguerol. Baixada e plano lévannos ata a larga recta do Corpiño. Pasada a mesma, e a esquerda, vaise cara o santuario da Virxe do Corpiño. Pódese visitar se se quere, seica te liberan do demo cun exorcismo se é preciso, pero eu prefiro seguir vivindo coas miñas pantasmas cotidianas e continúo.

Hai tres quilómetros de baixada ata Bodaño. Dende alí, desviámonos a dereita cara Vila de Cruces. Superada a intersección, hai un forte repeito que sempre intento facer con potencia probando o meu estado de forma. Unha longa recta e un pouco de baixada. Logo outro esforzo de potencia. En Besexos empézase a subir cara a Vila de Cruces. Alí fago unha reverencia a un fermoso cruceiro que hai ao pé da estrada.

Prepárome xa para subir. Chego a rotonda de entrada de Vila de Cruces, pero desvíome a dereita para afrontar a subida do Camballón. Despois de tres quilómetros empinados, a pendente afrouxa, pero eu se podo trato de seguir con forza. Volvemos a entrar no Concello de Lalín. Gústame mirar a esquerda, pois no hourizonte vése a silueta do monte Farelo e a Serra do Faro ao lonxe. Chego ao cumio do outeiro e baixo. Gústame pasar polo medio de Agoleta e non circumbalar o lugar.

A estrada empínase novamente subindo cara a canteira. Vénse os muiños de vento do parque eólico do Monte Carrio. É moi interesante subir a cima por unha estrada serpenteante que se colle a dereita, pero eu continúo cara a Bermés e o Vento. A recta de Sello sempre se fai longa, e, na súa parte final súbese ao alto do Toxo. Hai un monolito conmemorativo a aterraxe no lugar do aviador Loriga.

Despois é todo baixar ata Lalín. Últimamente desvíome pola nova circumbalación e subo un repeito con certa dureza que pasa por detrás da carballeira do Rodo. Finalmente baixo por xunto ao centro comercial, e entro en Lalín pola rúa Areal. Paso por diante da fonte dos cabalos e retorno ao quilómetro 0.

Mapa:

(Engadireino próximamente)

Perfil:

(Idem)

Deja un comentario

Deja un comentario