Ponte Taboada.

Posiblemente Ponte Taboada sexa un dos lugares con máis encanto da comarca do Deza. Dende logo é un dos meus preferidos. Impresionoume xa a primeira vez que fun por alí. Posteriormente voltei en repetidas ocasións, simplemente para disfrute dos sentidos. Escoitar o son do río Deza. Deixarse envolver pola gran beleza natural do entorno. A  ponte tamén é paso frecuente nas nosas rutas en bicicleta de montaña e das andainas. Igualmente pasei por alí coma peregrino, cando percorrín a Vía da Prata no ano 2006 dende Mérida ata Santiago de Compostela.

«LaVORABERVNT isTA PONTE/In ERA DCCCCL eT FVIT PERFECTA pRIDIE KL-DS APIES». Esta inscripción é reveladora do valor histórico que ten Ponte Taboada. A súa traducción sería: «Labraron esta ponte na era 950 e terminouse o 31 de marzo». A era 950  correspóndese co ano 912. Así pois no ano que vivimos, 2012, Ponte Taboada cumpre mil cen anos de historia.

Ponte Taboada era paso obrigado para ir dende Ourense a Santiago. A forma de cruzar o río Deza viña sendo por este lugar angosto. O paso do río por entre rochas e penedos foi aproveitado para erguer esta ponte de pedra no medievo, sustituindo probablemente a outra ponte antiga no mesmo lugar feita de madeira e táboas, de ahí o seu nome «pons tabulata» ou «ponte taboada».

A ponte foi testemuña da nosa historia. Superada a cultura castrexa e romana, na alta idade media as terras do Deza estarían despoboadas. Posiblemente un par de árbores instalados sobre os penedos serían os que darían inicio ao paso dunha beira a outra do río Deza, e así pasar das terras de Deza as de Trasdeza e viceversa. O crecemento da poboación e en especial a peregrinación a Santiago de Compostela pola chamada Vía da Prata, farían de ponte Taboada un paso estratéxico que impulsou a súa mellora, sustituindo as táboas por a construcción pétrea que chegou ata os nosos días. O paso de mercaderías e persoas por este lugar faría que os Condes do Deza, Gonzalo Betótiz e Teresa Eiriz, se decidisen a edificar a ponte, xunto con outras nas terras dos seus dominios, dende o Faro ata o Ulla, e asemade impulsaron a construcción de mosteiros coma o de Camanzo e o de Carboeiro. Peregrinos, mercaderes e viaxeiros de todo tipo pasaron por Ponte Taboada. Tal vez a cruzase o mouro Almanzor nas súas incursións polo norte para facer destrozo e rapiña en Carboeiro e mesmo en Santiago de Compostela. Pasaron os Irmandiños a facer a súa revolta botando abaixo castelos e fortalezas. Pasaron as tropas de Napoleón. Pasarían os carlistas e liberais.

No ano 1862, un pouco máis arriba, edificouse outra nova ponte e a vella Ponte Taboada iría quedando nun segundo plano. Coa construcción da liña de ferrocarril engadiríase outra nova ponte na segunda metade do século XX, posiblemente inaugurada polo Xeneralísimo Francisco Franco. Coa nova estrada nacional 525 outro novo paso río arriba iría mellorando as comunicacións e iría mergullando no esquecemento a histórica e vetusta Ponte Taboada, que tal vez seguiría sendo únicamente paso para os peregrinos a Santiago. Outras pontes río arriba serían a da autoestrada AP-53 e o viaducto do AVE. Pero ningunha de todas estas novas pontes, mostras e alardes de enxeñería, iguala en encanto e romanticismo a vella ponte de pedra.

Acaeceu un descarrilamento dun tren que se precipitou da ponte ao leito do río. Conta a veciñanza que os vagons de mercancías que caeron ían cargados de medicinas, latas de conserva e abrigos de pel. Aproveitando a ocasión, houbo quen se fixo con aquel preciado botín, especialmente preciado nunha época de carencias. A ponte construída para o tren, álzase fermosa entre a vella ponte medieval e a construída para a estrada.

– Danos sufridos pola ponte en xaneiro de 2010 e a súa reparación.

Por mor de fortes choivas, e posiblemente tamén por unha enchenta do río, en xaneiro do ano 2010 a ponte sufriu daños que foron reparados.

No inverno do ano 2010, a causa das choivas e se cadra tamén pola enchenta do río Deza, un derrube parcial causou danos na ponte. Afortunadamente, fíxose a correspondente reparación tres meses despois. Lamentablemente un reloxio de sol impreso e grabado na pedra perdeuse e probablemente esté agora no fondo do río. Engado outra foto do derrube feita dende o outro ángulo.

En nova visita a Ponte Taboada en ruta co grupo de bicicleta de montaña, pasamos en 2012 pola ponte e fixen novas fotografías da parte reconstruída. Perdemos o reloxio de sol, pero polo menos seguimos conservando esta fermosa ponte. Aprécianse ben as pedras novas que repoñen as que se perderon.

-Galería fotográfica:

-Fontes consultadas e bibliografía:

Francisco Rubiá Alejos, «Los once siglos que cumple Puente Taboada, reclaman su puesta en valor». Publicado en La Voz de Galicia.

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/deza/2012/01/22/once-siglos-cumple-ponte-taboada-reclaman-puesta-valor/0003_201201D22C4991.htm

Francisco Rubiá Alejos, «Puente Taboada y su valor histórico». Publicado en La Voz de Galicia.

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/deza/2012/09/30/ponte-taboada-valor-historico/0003_201209D30C8991.htm

Francisco Rubiá  Alejos, «Una construcción de un solo ojo». Publicado en La Voz de Galicia.

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/deza/2012/01/22/construccion-solo-ojo/0003_201201D22C4993.htm

Francisco Rubiá Alejos, «Diversos grabados en los sillares». Publicado en La Voz de Galicia.

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/deza/2012/01/22/diversos-grabados-sillares/0003_201201D22C4992.htm

Francisco Rubiá Alejos, «Un monumento con relevantes restos arqueológicos próximos». Publicado en La Voz de Galicia.

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/deza/2012/01/22/monumento-relevantes-vestigios-arqueologicos-proximos/0003_201201D22C5991.htm

Daniel González Alén, sobre Ponte Taboada, «Un fito nas comunicacións de Galicia central». Publicado en La Voz de Galicia.

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/deza/2012/04/01/fito-nas-comunicacions-da-galicia-central/0003_201204D1C4992.htm?utm_source=buscavoz&utm_medium=buscavoz

Aspectos da milenaria Ponte Taboada (I). Antonio Presas. Publicado en Faro de Vigo.

http://www.farodevigo.es/portada-deza-tabeiros-montes/2012/11/11/aspectos-da-milenaria-ponte-taboada-i/710433.html

Aspectos da milenaria Ponte Taboada (II). Antonio Presas. Publicado en Faro de Vigo.

http://www.farodevigo.es/portada-deza-tabeiros-montes/2012/11/18/aspectos-da-milenaria-ponte-taboada-ii/713560.html

Aspectos da milenaria Ponte Taboada (III). Antonio Presas. Publicado en Faro de Vigo.

http://www.farodevigo.es/portada-deza-tabeiros-montes/2012/11/25/aspectos-da-milenaria-ponte-taboada-iii/717022.html

Aspectos da milenaria Ponte Taboada (IV). Antonio Presas. Publicado en Faro de Vigo.

http://www.farodevigo.es/portada-deza-tabeiros-montes/2012/12/02/aspectos-da-milenaria-ponte-taboada-iv/720719.html

Aspectos da milenaria Ponte Taboada (e V). Antonio Presas. Publicado en Faro de Vigo.

http://www.farodevigo.es/portada-deza-tabeiros-montes/2012/12/09/aspectos-da-milenaria-ponte-taboada-e-v/724175.html

El arco de piedra.

http://www.elarcodepiedra.es/index_archivos/Puente_Taboada_sobre_el_rio_Deza_Silleda_Pontevedra.htm

Manuel Lago. «Historias milenarias e reloxios de sol na Ponte Taboada».

http://www.manuelgago.org/blog/index.php/2008/12/22/historias-milenarias-e-reloxios-de-sol-na-ponte-taboada/

Deja un comentario

Deja un comentario