70 Km

De Lalín a o Reino, de o Reino a Piñor de Cea e Cotelas, de Cotelas a Oseira e Rodeiro, e de Rodeiro a Lalín.

70 Kilómetros de dificultade media.

- Itinerario:

Saímos coma sempre do quilómetro 0. Subimos pola rúa Xoaquín Loriga e pola Avenida de Bos Aires. Na rotonda collemos en dirección a Ourense pola estrada nacional 525. Pasamos por Catasós, subimos a Cabreira, baixamos ao Pozo Negro e imos subindo o alto de Santo Domingo.

Preto da cima, atopamos a capela de Santo Domingo. É unha igrexa sobria ao pé do camiño de Santiago. Nós continuamos pasando pola cima do alto e por Castro Dozón. Alí empézase xa a subir o alto de San Martiño. Xa na cima, deixámonos ir en descenso varios quilómetros ata chegar ao Reino. Pasadas as casas do lugar e antes do Hostal Ateneo, desviámonos a dereita para pasar sobre a estrada nacional por unha ponte. Chegamos a unha encrucillada e tomamos a estrada de Piñor e Oseira.

Imos por unha estrada estreita, serpenteante e moi amena. Chegaremos primeiro ao lugar de Arenteiro. Hai moitas empresas de carpintería especializadas nos cadaleitos. Compre andar con tino, que senón pode acabar un nalgunha das caixas que andan a facer alí. En fin, deste mundo ninguén sae vivo. Pasamos por diante da modesta casa consistorial do concello de Piñor de Cea. Baixamos e voltamos a subir ata chegar a Cotelas. Alí no cruce viramos a esquerda en dirección a Oseira. Teremos ainda uns quilómetros de tendencia ascendente e lixeiro vento en contra case sempre antes de chegar ao mosteiro.

Despois de dous quilómetros de baixada, chegamos ao mosteiro de Oseira. A mín ségueme impresionando este monumento cada vez que vou por alí. Empezouse a construir no 1137, ainda que desa primeira época soamente é a igrexa. Imaxino aos primeiros monxes chegando a ese lugar ao pé do río Ursaria, cando alí non habería nada. Hoxe afortunadamente o mosteiro está recuperado case totalmente do desastre que para él supuxo a desamortización de Mendizábal no ano 1835.

Saímos de Oseira e comezamos a subir. A subida é bastante tendida, pero veñen sendo case seis quilómetros de subida continuada. Hai tramos de falso chan e hai outros de certo desnivel. A dereita veremos o val do río Ursaria e tamén algunhas estribacións da serra da Martiñá. A subida é certamente bonita e esta ruta é ideal para disfrutar do cicloturismo.

Despois da larga baixada dende o alto da Pobadura, chegamos a Rodeiro. Na rotonda da roda, collemos xa cara a Lalín. Ainda hai que pedalear quince quilómetros. Esto inclúe baixar ata a ponte sobre o río Arnego, subir o alto da Rocha, pasar por Alvarellos, e, tras un último repeito, baixada final ata Lalín, a onde chegaremos con setenta quilómetros feitos.

Perfil:

Mapa:

Deja un comentario

Deja un comentario