Puxallos.

Ruta a Puxallos

– Visitaremos o lugar de Puxallos e faremos un pequeno tramo da Vía da Prata.

Puxallos é unha aldea do Concello de Lalín. É o lugar polo que os camiñantes da Vía da Prata entran en terras lalinenses. Puxallos está bastante apartado dos demáis núcleos de poboación, na cima dun monte. Para chegar alí hai que tomar un desvío da estrada nacional 525. Aínda que nestes últimos tempos os accesos a este lugar melloraron bastante, aínda segue a ser un lugar recóndito e medio escondido. Por fortuna hai algunhas casas novas e parece que non vai a quedar valeiro. A ruta que vos propoño ten arredor de 25 quilómetros. Pode considerarse de dificultade baixa, eso sí, exceptuando un tramo durísimo de subida preto de Puxallos. Espero que vos guste.

Saímos de Lalín, dende o quilómetro 0, coma sempre. Subimos pola praza da igrexa. Vemos o monumento adicado ao astrónomo Ramón María Aller Ulloa, que dou nome a un cráter da lúa. Seguimos en dirección a Rodeiro, subindo pola rúa Monte Faro. Pasamos por diante dunha fonte que deixamos a dereita. Continuamos sen desviarnos pola estrada dirección Chantada e Monforte. Subimos por Lalín de arriba.

Continuamos protexidos do tráfico pola vía de servizo. Seguimos subindo pouco a pouco. Deixamos a dereita as pistas que baixan a Belelle. Continuamos pola vía de servizo. Imos gañando altura e se miramos a dereita podemos ver panorámicas como esta:

O chegar a cima, preto de Maceira, collemos a dereita. Entramos nun camiño de terra ancho. Seguiremos por el algo máis dun quilómetro. A man dereita, varias pistas nos levarían aos lugares da parroquia de Catasós e a Carballeira de Quiroga. Sen embargo, por esta vez, tomaremos nun cruce de catro camiños, un desvío a esquerda cara o monte de Catasós.

Faremos uns tramos coma o da foto superior. Logo teremos que baixar por unha senda estreita, que eu atopei bastante pechada polas silvas e xestas, pero din pasado con algún esforzo. Neste tramo hai que ter ademáis coidado por haber uns baches que poden provocar unha caída. Con algo de precaución pasaremos sen problema. Enlazamos con outro camiño no que iremos a esquerda en baixada. Despois de dous quilómetros entroncamos con outro camiño e iremos a dereita. Pouco máis adiante haberá unha intersección e nós iremos a man dereita, deixando os outros ramais que levan ao Sixto. Pasaremos un regato e seguiremos ata chegar ao Pozo Negro.

Por un terraplén ao lado esquerdo do viaducto da estrada nacional 525, chegaremos a esta ponte sobre o río Asneiro. O nome de Pozo Negro creo que ven de que a auga do río vése totalmente escura debido a gran profundidade que debe ter esta poza do río Asneiro. Seguimos un pouco pola pista de zahorra que abriron para a nova captación de auga e chegamos a vella estrada. Iremos a dereita e faremos aproximadamente un quilómetro de baixada. Despois collemos un camiño a esquerda que sobe a Puxallos. A subida é levadeira ao principio, pero logo vólvese moi empinada e hai que facer un gran esforzo para subila na bici. Se non se pode, o mellor e poñer pé en terra e andar un pouquiño.

O camiño en subida entronca con unha pequena estrada, e nós viraremos a dereita e iremos en subida por ela, a sombra dunha boa carballeira. Pouco a pouco iremos vendo xa a capela de San Roque en Puxallos. Hai tamén un pequeno cruceiro e veremos asimesmo os indicativos da Vía da Prata. A volta a Lalín será seguindo esta vía xacobea.

Saímos de Puxallos pola Vía da Prata. Hai unha boa baixada por un camiño amplo. Pasamos por riba da autoestrada e imos a dereita seguindo a frecha amarela. Baixamos por outra carballeira. Imos a esquerda e pasamos por Ponte Noufe. Seguimos as marcas do Camiño de Santiago que levan por un fermoso bosque preto do Barreiro. Subimos logo ata a Xesta.

Entramos nesta aldea e pasamos pola capela adicada a Virxe do Carme. Seguimos logo o Camiño de Santiago ata o lugar de Medelo. Alí desviámonos xa da ruta Xacobea collendo un desvío a dereita que despois de un par de tramos nos levará ata Moneixas. Dende alí só queda baixar a Lalín a onde entraremos pola rotonda de Fenosa, a Avda de Bos Aires, a rúa Molinera, pasaremos polo museo municipal, e tomaremos a dereita pola rúa Colón voltando novamente ao noso punto de partida, o quilómetro 0 de Galicia.

Deja un comentario

Deja un comentario