Hai uns días decidín visitar a esposición de fotografías no Museo Municipal Ramón María Aller inaugurada o 14 de decembro de 2012. Parece ser que esta mostra foise configurando coa aportación de imaxes antigas polos veciños de Lalín. Baixo o título «Veciños de Lalín. 1912-2012» aparecen unha serie de retratos de xuntanzas, festas ou simplemente imaxes da vida cotiá de Lalín nestes últimos cen anos. Certamente creo que foi unha iniciativa moi atinada e a visita a esta mostra considero que é moi interesante.
Quedei intrigado polo retrato que encabeza este artigo, e que figura no cartel promocional da exposición. Trátase dunha imaxe tomada na parroquia de Catasós. Pola miña vinculación familiar e vital a esta parroquia levo uns días observando as persoas que aparecen retratadas e creo recoñecer a algunha delas. Nembargantes non estou seguro de acertar. Decidín preguntar na casa e aos veciños do lugar. Algunha das persoas retratadas van tendo nome.
Está identificado no centro da imaxe Don Ramón María Aller Ulloa, astrónomo e un dos homes ilustres de Lalín. Tamén o sacerdote Don Vitoriano, que parece que foi quen casou aos meus pais. Creo recoñecer a algún outro familiar pero non o teño claro. Se alguén me pode axudar, quedaríalle agradecido.